Visión 2020, tendencias das tecnoloxías sociais

12 Xaneiro, 2011 (21:18) | Libro, Literacidade, Tecnoloxías

O meu admirado Javier Celaya publica na revista dixital Dosdoce unha moi valiosa anotación prospectiva arredor do futuro das tecnoloxías sociais ao longo desta década que comeza. O interesante do traballo non son tanto as predicións que realiza como as tendencias que cada unha delas sinala. Un texto que axudará a superar prexuízos, vencer algúns medos e modificar moitas das estratexias actuais que empregamos os que traballamos nos diversos eidos da comunicación cultural. En definitiva, estamos diante dunha anotación que propón un bo exercicio de reflexión prospectiva.

Celaya arrisca moito e utilizando a fermosa metáfora 2o/20 (unha persoa pode identificar unha liña de letras de tamaño pequeno a unha distancia de pés) predí, entre outras cuestións, que en España antes de 2020:

  • A prensa impresa desaparecerá e algúns medios publicaran nas fins de semana suplementos impresos en papel.
  • O 60% dos ingresos das editoriais terán a súa orixe nos contidos dixitais.
  • O sector cultural (libros, música, cine…) aunará esforzos nunha plataforma conxunta para distribuír os seus contidos dixitais.
  • O móbil converterase na ferramenta de pagamento principal dos contidos culturais.
  • As tecnoloxías de recomendación converteranse nos principais prescriptores de contidos culturais.
  • As tecnoloxías sensoriais incorporaranse ao mundo da cultura.
  • A pirataría de contidos culturais será residual pola evolución da propia tecnoloxía.
  • O español pode deixar de ser un dos cinco idiomas máis utilizados na web debido á escaseza de contidos culturais nese idioma na rede.
  • Os datos persoais converteranse na moeda de troco da economía dixital.
  • As bibliotecas como entidades culturais sen ánimo de lucro converteranse en portos seguros xa que son institucións nas que temos a certeza que os nosos datos persoais non van ser utilizados con fins comerciais.

Hai moito zume que tirar das tendencias que enxerga Celaya, que eu condensaría en tres:

  1. A substitución progresiva dos soportes analóxicos polos contidos dixitais de xeito que ao remate da década estes constituirán a cerna do negocio da comunicación cultural e educativa.
  2. Os contidos dixitais non serán gratuítos. Os usuarios pagarán o prezo que supoñerá ceder os seus datos persoais.
  3. O desenvolvemento das redes sociais e das bibliotecas como portos seguros serán decisivas para a prescrición e acceso aos contidos culturais.

Seguiremos coa maior atención o debate que abre esta magnífica e suxestiva anotación de Javier Celaya, con quen volveremos compartir mesa nun coloquio que está previsto que se celebre na Coruña na vindeira primavera.