Campo do Fragoso CII

20 Febreiro, 2011 (10:05) | Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol

LÍDER
Agardamos na bancada catro tempadas para que chegase este momento de gloria (que sabemos efémera): o noso Celta é líder na vixésimo quinta xornada. Un éxito, no que moi poucos acreditabamos no pasado mes de setembro. A partir de agora xa ninguén pode dubidar que o seu obxectivo é o ascenso directo. Un liderato, porén, que chegou tras un mal partido diante do Tenerife, quizais no encontro de xogo máis ruín dos nosos en toda a tempada. Quedou claro axiña que coñecer o empate do Raio, a piques de saltar á lameira, non axudou moito a un equipo que saíu co seu once de gala, un cadro que pola súa estabilidade e polos resultados pode estar chamado a ser lembrado durante moito tempo, como aqueloutro da nosa nenez no que formaba o porteiro Ibarreche, unha das persoas ás que se lle dedicou o inicial minuto de silencio. Fronte aos chicharreiros houbo moito máis medo a fracasar na conquista do liderado ca o espectáculo deslumbrante de xornadas anteriores. O devir do partido quedou moi determinado polas dúas oportunidades clamorosas estragadas nos dez primeiros minutos por David Rodríguez, onte moi apático no seu deambular e desacertado no remate. O fracaso da estratexia celeste de liquidar o partido nunha saída fulgurante, levou a que o Tenerife fose chegando amodiño á área de Falcón, até someter a nosa defensa a un agobio suave que nunca chegou a ser perigoso para o marcador. Á altura da media hora de xogo, o Celta naufragaba, incapaz de sacar a pelota ao toque para a súa temible segunda liña; Herrera, entón, retrasou a Trashorras para que o chairego fose quen subise e distribuíse, unha e outra vez, os balóns para Álex e De Lucas. Faltando a habitual intensidade dos nosos no centro do campo, sobrando algunha imprecisión defensiva e, sobre todo, carecendo algúns dos nosos dianteiros dos valores cooperativos, o partido caíu nun lamentable e abafante horizontalismo. A aparente superioridade local agochaba unha preocupante falta de solucións creativas atacantes, máis evidente cando, como sucedeu onte, non estaba enchufada a conexión entre Quique e David. Xa avanzada a segunda parte, a entrada de xogadores de refresco, primeiro de Michu e logo dos eléctricos Aspas e Abalo, axudou a aumentar a voltaxe dun conxunto que semellaba preso, como na pasada xornada en Córdoba, da síndrome paralizante do canguelo que lle impediría auparse ao liderado. Mais esa confianza nas propias posibilidades, unha actitude que nunca se debe perder e que tan ben imprimiu neste equipo Paco Herrera, facilitou nos minutos finais que os celestes non desistisen no seu empeño e que a esperanza vencese ao medo. Insistiron, aínda que o seu xogo non era vistoso, aínda que os xutes de Álex, De Lucas e de Aspas carecían de pementa, mesmo cando os caneos de Abalo non eran capaces de fender a muralla canaria. Nesa teimosía, nesa renuncia a conformarse, fabricouse a vitoria. Cando o partido agonizaba e o empate xa nos parecía a todos inevitable, apareceu o punteirazo dende a frontal de Michu, que superou a Aragoneses, o porteiro porriñés que tan ben defendera a meta tinerfeña. O estourido no banco celeste e na bancada foi impresionante. Todos fomos conscientes que son estas vitorias in extremis, as traballadas a forza de querer, as que poden permitir acadar eses oitenta puntos que nos leven a primeira. Este Celta, mesmo nos días menos afortunados, é capaz do mellor.