«O refuxio da memoria», prosa autobiográfica de Tony Judt

10 Abril, 2011 (18:53) | Autores, Ensaio, Narrativa, Novidades, Persoal

Foi Manolo Candelas quen me fixo reparar en El refugio de la memoria, o libro autobiográfico de Tony Judt. Foi unha recomendación certeira, que moito agradezo, xa que é deses libros memorables que comezan conmovendo e logo te devoran pola potencia da súa voz. Conmove coñecer as circunstancias dramáticas, brutais, nas que o narrador realiza a confesión da súa vida, pechada a súa consciencia e lucidez nos límites dun corpo transformado na máis dolorosa cadea. Porén, o lector abandona decontado esta actitude piadosa para quedar enguedellado por unha voz narradora (o libro foi ditado con enormes dificultades) firme, lúcida, tinxida dunha doce melancolía capaz de relatar de forma case naturalista o devir da súa infancia na posguerra en Putney, aquel barrio londiniense onde Judt aprendeu o principio de austeridade (algún eco dickensiano atopamos) que sempre o acompañaría alí onde viviu. Vinte e cinco relatos, apenas estampas nalgúns casos, construídos cos fíos da vida que posúen unha poderosa capacidade de interrogar ao lector polo seu propio fío vital; mais, tamén e sobre todo, unha historia persoal capaz de provocar a reflexión sobre o vivido, o viaxado, o compartido, o devecido, o renunciado, o acadado…

Como xa fixera en Algo va mal, Judt arrisca a mollarse e fala con total liberdade do corporativismo universitario, tanto do College de Cambridge onde se formou e onde comezou a súa carreira como profesor universitario, como da universidade novaiorquina onde exerce sometida aos andazos dun novo puritanismo.  Tamén critica ao estado de Israel, sen renunciar a súa condición de xudeu, afonda dende o pensamento crítico no concepto de identidade no marco do mundo global ou apupa de forma entusiasta a Nova York, á que considera a «cidade do mundo» do noso tempo, ou recomenda o transporte ferroviario ao que considera o máis humano dos inventados pola humanidade. Impacta a visión do mundo deste intelectual honesto que no cabo da súa vida ofrece unha testemuña que nos achega doses de esperanza reflexiva para afrontar as «crises da mediana idade», un concepto que aborda con moita retranca. Unha das mellores pezas de prosa biográfica que teño lido recentemente, un xénero polo que devezo cada vez máis.