En defensa da LNL

11 Abril, 2011 (07:05) | Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Goberno Feijoo, Iniciativas, Lingua

No artigo da semana en Faro de Vigo volvo sobre a iniciativa de Prolingua en defensa da Lei de Normalización Lingüística.

“A secular e florecente vella lingua dos galegos está sometida desde hai séculos, e especialmente hoxe en día, a un proceso de progresiva degradación e esmorecemento que ameaza a súa propia supervivencia precisamente na súa terra de nacemento, consecuencia dun longo proceso histórico. (…) A actual situación da lingua dos galegos é problemática e incerta. A coexistencia dos dous idiomas, galego e castelán, só legalmente cooficiais a partir da aprobación do Estatuto de Autonomía, é conflitiva e asimétrica, e agocha unha pugna desigual onde o galego sofre unha profunda subordinación. (…) As actuais relacións asimétricas entre o galego e o castelán esixen, en aplicación do espírito e a letra do artigo 5º do Estatuto de Autonomía, que o galego teña un apoio proporcionado ao grao de subordinación que actualmente sofre a fin de que no futuro o seu uso normalizado e pleno faga innecesaria toda medida tutelar.”

Esta escolma de tres textos sobre a situación da lingua dos galegos forma parte da exposición de motivos da “Proposición de lei de normalización lingüística en Galicia” presentada en 1981 polo deputado vigués de Esquerda Galega Camilo Nogueira. Tres textos que non perderon actualidade nin vixencia e que no marco do recoñecemento que o daquela recente Estatuto de Autonomía, tamén de 1981, viña de facer do galego como lingua propia de Galicia, abriron no Parlamento galego un proceso de debate xeneroso entre os seus grupos que levou dous anos despois a aprobación por unanimidade (AP, UCD, PSOE, PCG e EG) da Lei de normalización lingüística (Lei 3/1983, de 15 de xuño). Un fito senlleiro para a historia da nosa lingua co que se propoñía conseguir mudar a súa deriva histórica e a súa postración social. Un importante consenso político que, dende aquela, permitiu forxar os alicerces sobre os que se desenvolverían o “pacto”, “acordo” ou “consenso” (tanto nos ten a palabra escollida) arredor das políticas lingüísticas e de fomento do emprego do galego acometidas polos diversos gobernos, tanto os presididos polos populares, como aqueloutros de coalición de socialistas, galeguistas e nacionalistas.

Un “acordo” ou “consenso” –que dende entón non fora cuestionado nunca polos seus asinantes, deica a virada actual asumida polo Partido Popular de Galicia presidido por Alberto Núñez Feijóo– baseado en catro principios de acción positiva asumidos amplamente pola sociedade galega como eixos da súa convivencia lingüística. Primeiro, a cooficialidade de ambas as dúas linguas, o que supón procurar a súa igualdade xurídica real e desenvolver idéntica competencia nas dúas linguas do conxunto da cidadanía. Segundo, o carácter do galego “como lingua propia de Galicia”, o que a recoñece como sinal identitario e patrimonio principal do país. Terceiro, a necesidade de políticas de promoción do galego –necesarias por atoparse o noso idioma nunha situación de partida de clara desigualdade con respecto ao castelán– para garantir a súa presenza social en todos os ámbitos sociais, con especial atención aos da administración, o ensino e os medios de comunicación. E cuarto, o respecto ao principio de individualidade, que supón que cada cidadán utilice a lingua da súa preferencia nas súas comunicacións non institucionalizadas.

A Lei de Normalización Lingüística permitiu, pois, chantar os alicerces dun “acordo” histórico –non sempre executado polos diversos gobernos coa mesma convicción e entusiasmo– actualizado en 2004, e consensuado tamén en sede parlamentaria por PPdeG, PSdeG-PSOE e BNG, no “Plan Xeral de Normalización Lingüística”. Unha excelente actualización do consenso, esfarelada polo actual Goberno tras a aprobación unilateral do “Decreto de plurilingüismo” (2010) e da “Lei de  convivencia e participación” (2011), medidas coas que os populares pretenden contentar a aqueles sectores negacionistas que non queren ter contacto ningún coa lingua galega.

Tras as declaracións dalgúns candidatos populares sobre a posibilidade de mudar os topónimos dalgunhas poboacións –o artigo 10º da LNL establece que a súa única forma será a galega–, é oportunísima a iniciativa da plataforma apartidaria Prolingua (www.prolinguagalega.org) que solicita ao presidente da Xunta o seu compromiso público de non promover nin acometer ningunha reforma da Lei de normalización lingüística que non se produza co mesmo consenso e unanimidade coa que a Lei foi aprobada no seu día. Unha modificación unilateral da LNL, como a que enuncian algúns candidatos populares, suporía un abuso de poder inadmisible, dada a escasa lexitimidade democrática e moral que se contén no feito de modificar por maioría simple o que se adoptou por unanimidade en 1983. O futuro da lingua de todos os galegos, un patrimonio da humanidade ao noso coidado, non pode ser comprometido por unha presada de votos.

Pode asinarse a petición de Prolingua aquí.