«El día de mañana», un clásico de Ignacio Martínez de Pisón

17 Abril, 2011 (21:21) | Autores, Narrativa, Persoal

Non teño moitas posibilidades para seguir a todos os autores interesantes da narrativa contemporánea española. Con todo mantéñolle fidelidade a tres persoas: ao encantador Luis Landero, ao firme Isaac Rosa e ao engaiolante Ignacio Martínez de Pisón. Tres novelistas que trato de seguir e que, até agora, poucas veces me decepcionaron rotundamente. Esta foi a razón pola que merquei o pasado xoves na tenda do aeroporto de Vigo El día de mañana, a novela máis recente de Pisón, da que lera unha anotación moi entusiasta de Manolo Candelas, uns poucos días antes. Enguedellado nun primeiro capítulo memorable, o voó a Barcelona pasoume nun plis plas; quedará prendido do relato que da vida de Justo Gil ían facendo as voces daquelas poucas persoas que o coñeceron a súa chegada a Barcelona coa súa nai, literalmente, ás costas. A potencia das voces e das vidas relatadas, que deambulan pola Barcelona da metade da década de 1960 (reconstruída cunha minuciosidade case hiperrealista) até a de finais da década posterior, devolvéronme o valor da narración como forma de coñecemento histórico.

Como xa fixera coa súa entrega anterior, Dientes de leche, na que Pisón dá conta da presenza en España de fascistas italianos que viñeron a loitar a prol do bando franquista, en El día de mañana, aborda outro tema pouco frecuentado da nosa historia recente: a da Brigada Política Social franquista. En case catrocentas páxinas construídas de forma moi precisa sobre unha polifonía de voces e puntos de vista, Pisón relata a historia da progresiva degradación dunha persoa, a fuxida cara adiante dun inxenuo emprendedor con escasos escrúpulos, cuxos erros o levarán a traballar coma confidente da social e máis tarde, nun xiro de torca estarrecedor, a formar parte durante os anos da Reforma Política dun grupo ultradereitista. Esta é outra novela barcelonesa por excelencia, daquela cidade en efervescencia cultural durante uns anos díficiles, na que identificamos fíos das novelas de Marsé e de Juan Goytisolo, das memorias de editores como Barral ou Esther Tusquets ou da poesía de Gil de Biedma. Durante as horas de lectura que completei entusiasmado tiven a sensación de estar lendo a un clásico. Unha novela moi recomendable.