Recurtes nas bibliotecas públicas

25 Abril, 2011 (16:49) | Bibliotecas, Goberno Feijoo, Lectura

A contundente denuncia dos responsables de ANABAD Galicia sobre os recurtes na rede de bibliotecas públicas é outra mostra máis da falta de política de lectura do Goberno Galego. Os datos achegados polos bibliotecarios non ofrecen dúbidas: o incremento de usuarios nas bibliotecas públicas galegas-tanto de visitantes, socios como de préstamos-, como do número das súas actividades de fomento da lectura non está sendo acompañado dos recursos humanos suficientes nin da dotación e renovación dos fondos documentais necesaria para ofrecer un servizo de calidade. Non cansaremos en subliñar que as políticas da lectura son estratéxicas para o país, sobre todo nun momento no que están vencelladas, tamén, coa mudanza do paradigma da comunicación cultural e, polo tanto, coa innovación e a redución da fenda dixital. Reducir, reducir e reducir os fondos destinados ás políticas de lectura é incompatible coa consideración do carácter estratéxico do sector do libro, acuñada pola Lei do libro e da  lectura vixente, aprobada por unanimidade todos os grupos parlamentarios en decembro de 2006. Non abonda con ter creada unha esperanzadora Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos, cando faltan os recursos imprescindibles para levar adiante as súas finalidades primeiras. Ben sería que diante dunha situación tan carencial como a actual e ás portas da presentación da tantas veces prometida Lei de Bibliotecas, o conselleiro de Cultura convocase ao Consello Asesor do Libro para que o conxunto do sector valorase unha situación moi desacougante para todos.