Bando do Día das Letras Galegas, Vigo

17 Maio, 2011 (06:42) | 17_de_maio, Editores, Internet, Lingua, Vigo

O alcalde de Vigo tivo a deferencia de encargarme a redacción do texto do Bando do Día das Letras Galegas.

Vigueses e viguesas:

A nosa cidade bicentenaria foi en 1963 berce do 17 de maio, o Día das Letras Galegas, unha efeméride creada pola Real Academia Galega a instancias de don Francisco Fernández del Riego, o noso insigne conveciño cuxo pasamento choramos hai uns meses. Unha data escollida para conmemorar o centenario da publicación en Vigo, na imprenta que Juan Compañel rexía na rúa Real, da edición príncipe de Cantares gallegos, o primeiro poemario en galego de Rosalía de Castro. En tempos moi difíciles, cando se negaban as nosas liberdades e o idioma galego carecía de calquera tipo de recoñecemento ou protección, aquela gozosa epifanía celebrada nos salóns da vella casa do concello da praza da Princesa para festexar a proeza rosaliana arraizou devagariño no noso pobo.

O 17 de maio é a festa maior da nosa lingua, da nosa literatura e da industria do libro galego. Hoxe corresponde homenaxear á figura de Lois Pereiro, ese poeta dono da palabra exacta, o poeta do amor resucitado que camiñou en silencio deitando a furia necesaria. Un poeta insurxente capaz de provocar nestes días un vento mobilizador de forza abonda para seducir aos lectores e lectoras máis novos, intensificando a presenza da poesía galega no conxunto da nosa sociedade. Un éxito colectivo do que todos sentimos fachenda e ao que todos responsabiliza na súa continuidade futura.

«Vigo vive coa ollada posta no Atlántico e co corazón ancorado na terra», escribiu Francisco Fernández del Riego para expresar o carácter dinámico, emprendedor, innovador que posúe a cidade nosa. Un pulo modernizador que nos levou a liderar os camiños do mar e do desenvolvemento industrial do noso país. Unha luz emprendedora que dende hai sesenta anos permitiu que editores como Xosé María Álvarez Blázquez, Xaime Illa Couto ou o xa citado Francisco Fernández del Riego tomasen a remuda de Compañel e convertesen a Vigo na actual capital editorial de Galicia. Un sector, o da edición, estratéxico para o país, como para a cidade de Vigo, tanto polo considerable nivel de emprego especializado que achega como polo seu papel fulcral para a mellora da calidade da educación, para contribuír ao incremento dos índices de lectura e para promover a proxección da lingua e da literatura galegas no mundo.

Ás portas do cincuentario daquela creación cultural anticipatoria da Real Academia Galega, a celebración deste punxente Día das Letras Galegas dedicado a Lois Pereiro coincide, ademais, co “Día de Internet” ou “Día Mundial das Telecomunicacións e Sociedade da Información”, efeméride promovida pola ONU coa intención de achegar a toda a cidadanía os beneficios de Internet e das tecnoloxías da comunicación. Unha coincidencia ventureira para a nosa lingua que nesta súa xornada de festa primeira ten a oportunidade de vencellarse máis estreitamente coa innovación e coas mudanzas profundas introducidas polo modelo da comunicación cultural dixital e as utilidades do hipertexto. Porén, a indubidable vantaxe que para o galego supón camiñar da man de Internet, onde conta cunha presenza destacada, non pode facernos agochar que a nosa lingua vive un dos momentos máis decisivos e difíciles para o seu futuro.

É preciso aumentar o número de persoas que valoren este idioma milenario como a tecnoloxía de comunicación máis innovadora dos galegos e galegas nesta altura do século XXI. É necesario asumir a responsabilidade de considerar o galego como un patrimonio que a humanidade deixou ao noso coidado e que debemos entregar á seguinte xeración en condicións óptimas. Cómpre desenvolver unha decidida acción positiva a prol do seu uso en todos os ámbitos da vida social, económica e institucional. É imprescindible recuperar coa maior urxencia o consenso forxado nas tres últimas décadas entre as forzas políticas e sociais arredor do estatus da lingua galega no sistema educativo non universitario. A nosa lingua precisa das maiores doses de agarimo e de entusiasmo por parte de todos e todas.

Lois Pereiro reclamou na súa Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidraúlica dunha cíclica historia universal da infamia, un lúcido ensaio sobre a esperanza, «o noso compromiso e a nosa obriga en loitar polo que sempre nos resultou xusto e evidente». Foi tamén Pereiro quen definiu a utopía como «a posibilidade de compaxinar o desexo e a necesidade dos nosos soños». O galego precisa do noso compromiso e dos nosos soños.

Chamo aos vigueses e viguesas a que cada un de vosoutros non renunciedes a traballar arreo a prol do futuro do galego, a que non desistades en utilizalo como o mellor abrazo que podemos ofrecer nas nosas comunicacións. Son moitos os verbos que podemos utilizar para contribuír a agrandar o seu futuro: falar, ler, escribir, abeizoar, agasallar, solicitar… en galego.

Vigo 17 de maio de 2011

O ALCALDE
Abel Caballero Álvarez

Bando redactado por Manuel Bragado Rodríguez, director de Edicións Xerais de Galicia