Campo do Fragoso CVIII

22 Maio, 2011 (09:22) | Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol

SAPOCONCHO

O Celta achégase á primeira eliminatoria de ascenso á velocidade do sapoconcho, puntiño a puntiño. Unha estratexia satisfactoria para os que prefiren valorar todo o camiño percorrido e comproban o acerto de ter aproveitado no inicio as vacilacións dos seus rivais. Porén, unha fórmula moi desacougante, deprimente, para a maior parte dos que non lembramos xa o que é saír de Balaídos co sorriso nos beizos e o acougo no corpo, tras o derradeiro triunfo dos nosos no pasado mes de febreiro. A actual afección celeste, tan curtida en derrotas, aprendeu a ser tolerante até a extenuación co seu equipo. As arredor de dez mil persoas que nesta tempada acudimos decote a Balaídos, podemos ter saudades daquel xogo da serpe marabilloso dos tempos de Karpin, Maziño ou Mostovoi; mais como somos conscientes do díficil terreo que pisa o noso club, ao comezo da tempada, aspirabamos a ben pouco: saber que os nosos pelexarían por non permanecer sine die no foxo no que caimos hai catro anos. A magnífica primeira volta deunos azos de ascenso; no obstante, esta pésima segunda devolveunos á crúa realidade de enfrontarnos coas feblezas dun proxecto societario e deportivo que non superou a súa crise. Fronte ao Elxe, un dos equipos con mellores resultados na segunda volta, o xogo celeste conducido por un extraordinario Trashorras mellorou unha barbaridade con respecto a partidos anteriores, porén iso non abondou para conseguir a tan desexada vitoria. O empate fraguouse na primeira parte, na que os dous dianteiros celestes estragaron media ducia de goles feitos. Trashorras, nun comezo de partido memorable, deu un auténtico recital de condución de xogo de ataque, adobiado de caneos, pases interiores e diagonais cara aos nosos xogadores de área. Así o Celta, durante alguns minutos, recuperou o fútbol con argumento que tanto éxito lle proporcionou durante o pasado inverno. Ademais, Hugo Mallo comezou a subir e asociarse con moito xeito con Quique, o que permitiu abrir unha fenda na rochosa defensa do Elxe. No entanto, foi Túñez quen abriu o marcador, á media hora de xogo, cun soberbio cabezazo. Os alacantinos reaccionaron decontado e nivelaron o encontro en catro minutos, tras unha boa xogada pola banda, facilitada por unha pobrísima intervención de Yoel, que como sucedera co Girona volveu ter unha tarde de verbena. Tras o descanso, O Celta saíu con moita intensidade. Xa no primeiro minuto, tras un pase xenial de Trashorras, De Lucas non foi capaz de superar ao porteiro; sen embargo, tras varias tentativas, o diamante chairego deliñou un fabuloso pase interior para David que, tras superar a toda a defensa, preferiu pasarlle a pelota a Quique de Lucas para que a empurrase a porta baleira. O gol deixou tocado ao Elxe. Semellaba que nos vinte e cinco minutos restantes, os nosos mesmo poderían ampliar a vantaxe. Porén, faltando cinco minutos a fatalidade cebouse cos de Herrera, que con catro centrais no campo foron incapaces de defender un inocente saque de falta dende a dereita, que Yoel tampouco soubo interceptar na área pequena. Unha xogada moi desgrazada que arruinaba un partido no que o Celta demostrou posuír moito máis fútbol e atesourar maior calidade ca un dos seus rivais directos. Máis alá da socorrida mala fortuna, un argumento escasamente deportivo para xustificar os fracasos, este empate amosou que o Celta non soubo xestionar un marcador favorable no treito final do partido. Herrera introduciu os trocos tarde, preferindo que o equipo quedase dentro da cuncha do seu conformismo. Volveu fracasar a estratexia do sapoconcho.