Galicia Hoxe

28 Xuño, 2011 (08:59) | Cultura, Goberno Feijoo, Lingua

O peche de Galicia Hoxe é o enésimo fracaso colectivo do proxecto de Galicia como nación cidadá. O ecosistema da lectura en galego, esa arboriña que agarimamos dende hai máis de cento cincuenta anos, perde outro dos seus froitos máis preciosos.  Inevitablemente, dende hoxe todo este ecosistema e toda a súa biodiversidade quedará moi danado; sen esquecer que despois de ter desaparecida xa toda a prensa impresa en galego, os perigos que corremos outros sectores do tecido empresarial da lectura en galego son moi considerables. Sabemos que traballamos á intemperie, nas condicións máis adversas dos últimos trinta anos; como sabemos, tamén, que para facer viables os nosos proxectos só contamos coa intelixencia, esforzo e teimosía dos cadro de profesionais de cada unha das empresas e coa forza e apoio que nos achegan os lectores e lectoras. No marco da fraxilidade provocada pola profunda mudanza do paradigma da comunicación informativa e cultural, non hai outro camiño para soster os medios de lectura en galego que esta corresponsabilidade entre profesionais e lectores. O futuro da nación, da cultura e da lingua dependerá de nós, do esforzo e do compromiso de cada un dos milleiros e milleiros de galeguistas dispostos a non desistir no seu afán.  Sinálao certeiramente Caetano Díaz no peche do seu afouto artigo de despedida: “é tempo de silencio”.