Peinador

12 Setembro, 2011 (06:58) | Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Vigo

No artigo da semana en Faro de Vigo recupero un anaco da historia do aeroporto de Peinador, ao fío da súa crise actual.

Peinador foi construído, literalmente, pinga a pinga polos vigueses, co esforzo dos nosos avós e dos nosos pais. Non é lenda urbana ningunha. Foi unha angueira de vinte e cinco anos, iniciada en 1929, cando se abriu o porto de Vigo ao tráfico aéreo para hidroavións, e finalizada aquel 25 de abril de 1954 no que aterrou sobre a pista de mil cinco centos metros de Peinador un DG-3 de Iberia inaugurando o enlace aéreo Madrid-Vigo. Durante os anos de entusiasmo republicano, nos que xermolaron algúns dos proxectos de desenvolvemento urbano máis decisivos para a historia da cidade, o concello, co apoio dalgúns empresarios vigueses, pulou polo proxecto de construír un aeródromo terrestre nuns terreos próximos ao primeiro apeadeiro do tranvía Vigo-Mondariz, bautizado como “Peinador” en homenaxe ao emprendedor galeguista Enrique Peinador Lines, quen fora o máximo impulsor desta liña do tranvía suburbano vigués e responsable do incrible proxecto do Balneario de Mondariz.

En 1936 deseñouse un primeiro proxecto para Peinador con tres pistas de voó e unha estrada de circunvalación. Tras o levantamento militar, o goberno obrigou aos veciños dos concellos de Vigo, Lavadores e Mos a traballar dous días de cada mes sen remuneración ningunha na construción do futuro aeroporto. O tranvía era o medio de transporte utilizado polos vigueses militarizados para chegar a unhas obras que, como lembra Antonio Giráldez Lomba no seu magnífico libro sobre os tranvías de Vigo, quedaron na memoria do noso cancioneiro popular: “O chegar a Peinador, / o primeiro que se ve, / carretilla, pico e pala / e porrón… para beber. / Se vas a Peinador, / mira qué vas facer, / pois vas a traballar / e non vas a comer.” Unha prestación persoal que podía ser redimida –só por uns poucos, ben adiñeirados– pagando en 1937 doce pesetas á Junta del Aeropuerto de Vigo.

A apertura da primeira liña regular do aeroporto de Lavacolla en 1937, que unía Santiago, Salamanca, Valladolid e Zaragoza, adiou o ritmo dos traballos de Peinador, que serían recuperados unha década despois. Mágoa que daquela se desbotase o fermoso proxecto de terminal de Jenaro de la Fuente, de inequívoca xínea racionalista, que quedou como outras posibles alfaias viguesas no territorio da nosa arquitectura de papel. Tras a posta en marcha da liña de Aviaco con Madrid no 54 e con Barcelona no 58, o pulo industrial vigués foi tirando de Peinador, que cada década foi sometido a obras de ampliación da terminal de viaxeiros e dos servizos de axuda á navegación. En 1981, tras a primeira ampliación da lonxitude da pista, iniciáronse os voós internacionais, aínda que habería aínda que agardar ao pulo económico da década dourada (1998-2008) para asistir a un crecemento espectacular do tráfico da terminal viguesa, que en 2007 acadou a cifra dun millón catro centos mil viaxeiros, liderando o ano seguinte o tráfico dos tres aeroportos galegos no que atinxe ao número de usuarios das liñas que unen Galicia con Barajas.

Hoxe Peinador sofre a crise máis importante da súa historia. Tras uns anos extraordinarios, os efectos da crise económica e da competencia das terminais internacionais de Porto e Compostela (onde se estableceron bases de liñas aéreas de “prezos reducidos”) deixarán a terminal viguesa este ano por baixo do millón de usuarios. Un resultado que terá dúas importantes consecuencias: a redución do número de conexións, tanto coas terminais españolas como as internacionais, anunciada polos operadores para esta tempada de inverno e para a da vindeira primavera; e o aumento apreciable do prezo dos billetes e da ocupación dos avións por traxecto, feitos dos que se fala en voz baixa, mais que xa se veñen producindo nestes últimos días, onde por algún billete de ida e volta a Madrid pode chegar a pagarse unha cantidade moi próxima aos 500 euros. En definitiva, se non mudan as cousas, desde Peinador teremos menos voós e billetes máis caros.

Non é doado atopar unha receita máxica que permita darlle volta a este carpín. Fracasado o modelo de reparto do comité de rutas entre as tres terminais aeroportuarias –deseñado polo Partido Popular para avalar as axudas que recibe Lavacolla, concibido como aeroporto internacional de Galicia–, a oferta de Peinador debe procurar a súa singularidade dentro do modelo centralizado sobre Barajas e El Prat de tráfico áereo español e dun número moi reducido de enlaces europeos, singularmente o de Charles de Gaulle e o de Heathrow. Na potenciación desas poucas rotas estratéxicas (Madrid, Barcelona, París e Londres), que permiten en menos de tres horas conexións dende Vigo cos cinco continentes (o que pode ser importante, tamén, para converter o porto en base de cruceiros), e na potenciación do tráfico de mercadorías pode residir a recuperación de Peinador.