Onte 24: A Derrota de Galicia

2 Outubro, 2011 (15:59) | Autores, Cultura, Economía, Ensaio, Goberno Feijoo, Onte, Política, Xerais

Á mañá recibín un novo limiar para o que será A Derrota de Galicia, o libro de ensaio político, que publicaremos a comezos da vindeira primavera, no que Antón Baamonde reflexiona sobre a inexistencia na Galicia actual dun proxecto propio de modernización. Lin decontado o texto lúcido e duro de Baamonde, despois de ter revisado algúns dos comentarios que denuncian o expolio que supón valorar nun 6,87% a participación que a caixa terá no banco que ela mesmo creou. Non deixa de ser desacougante que para algúns medios e «comentaristas de referencia» a noticia non merecese mención. Outra proba desta desfeita enorme. Si, efectivamente, perder un instrumento financeiro propio, en clave de país, é outra derrota do proxecto de construción de Galicia como nación; un fracaso deste anémico goberno de Feijóo, mais tamén da oposición incapaz de ofrecer o entusiasmo dun programa alternativo. Á noite, abrindo a caixa de correo atopo razóns para a esperanza enviadas polo benquerido Agustín. Arnaldur Indridanson, o escritor islandés que lerá o discurso inaugural da Feira de Frankfurt 2012, na que o seu país será o convidado de honra, lembra que «a riqueza dunha nación non está na Bolsa. senón nos seus libros». Quen pode dicir, entón, que Galicia está derrotada?