Onte 30: Quedamos sen país

8 Outubro, 2011 (10:08) | Cultura, Economía, Goberno Feijoo, Onte

Mentres traballaba no envío dos convites da Cea das Letras do vindeiro 22 de outubro, na que se coñecerá o ditame dos Premios da Crítica Galicia 2011, souben da absorción do Pastor polo Banco Popular. Quedamos, así, sen o primeiro banco fundado en Galicia e sen a derredeira peza de política financeira coa que contaba o país. O aforro e o esforzo dos galegos foise ao garete nunha semana. A alarma saltou decontado. Como sucedeu tras a liquidación das caixas (onte saíu publicado na edición impresa de Faro de Vigo o meu artigo da semana), será tamén a obra social e cultural do Banco Pastor, artellada na Fundación Barrié, quen se verá máis afectada. As consecuencias para a culturaga galega agora son impredicibles, mesmo poden chegar a ser enormes, xa que a Barrié é a entidade que achega os fondos principais dalgúns proxectos fulcrais para a posta en valor do noso Patrimonio, dende a a restauración do Pórtico da Gloria, á recuperación do Cancioneiro Popular Galego, pasando pola colección de «Clásicos» e a nova edición do Dicionario da Lingua Galega da Real Academia Galega, entidade coa que a fundación asinou un protocolo de colaboración co seu Seminario de Lexicografía. Sen falar das bolsas da Barrié para a formación de estudantes no estranxeiro, no apoio á investigación ou nos servizos sociais a dependentes. Cun entorno tan desfavorable, é difícil ser optimistas. Sen instrumentos financeiros ao servizo dos intereses xerais de Galicia, sen compromisos políticos para desenvolver o autogoberno, sen alento e sen agarimo institucional ningún para defender a lingua e a cultura de noso, Galicia perde o seu fol, camiño de se converter na simpática e «entrañable» rexión do novo presidente Rajoy, onde se come de marabilla, onde vai un «fresquito» de verán, onde a xente non sabe se sobe ou baixa ou onde sempre chove (a pesar destes sufocos de outono). Algo terá que dicir Alberto Núñez Feijóo, en apenas dous anos na Xunta, quedamos sen país.