Obra Social

10 Outubro, 2011 (06:49) | Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Cultura, Economía, Goberno Feijoo

No artigo da semana de Faro de Vigo, ao fío da absorción do Banco Pastor e da desfeita das caixas, denuncio a situación na que queda a Obra Social da que foron as entidades financeiras galegas.

Unha semana abondou para liquidar o poder financeiro galego. Tras a nacionalización de Novacaixagalicia polo FROB, coa inevitable absorción do Pastor polo Banco Popular remata a historia do primeiro banco galego, fundado hai máis de dous séculos no porto da Coruña por José Dalmau Batista e José Pastor Taxonera co obxectivo de xestionar os aforros dos emigrantes. Galicia queda máis enfeblecida, máis incapaz de asumir riscos, máis dependente, á intemperie dos efectos dunha crise que ameaza, tamén, con levar por diante as posibilidades do seu autogoberno.

Neste contexto de desamparo, as indemnizacións millonarias recibidas por José Luís Méndez, tras a súa xubilación en Caixa Galicia, e polo equipo directivo da Caixanova, tras abandonar a caixa fusionada, constitúen un escandalo para unha cidadanía asombrada diante de semellante descontrol e tan escasa fiscalización das autoridades do Banco de España. Máis aínda cando somos todos os cidadáns os que pagamos a escote estas cantidades desorbitadas sexa por medio das comisións bancarias (cada vez máis elevadas e menos xustificadas) ou por medio dos impostos que nutren os fondos públicos que rescataron as caixas. No entanto, sendo a cuestión das indemnizacións indignante e merecedora de primeira plana, non pode agochar o desastre maior que, sen paños quentes de ningún tipo, supón para Galicia perder as súas tres derradeiras entidades financeiras. Un feito que terá consecuencias negativas para o funcionamento das nosas PEMES e das actividades de autónomos e profesionais, os seus principais clientes. Sen esquecer a inevitable diminución dos beneficios sociais que até agora o Banco Pastor achegaba á Fundación Barrié ou as caixas proporcionaban á Obra Social e Cultural de Caixanova e á Fundación Caixa Galicia. Un problema gravísimo que afecta a servizos sociais, asistenciais e educativos, como á conservación do patrimonio galego ou á promoción das artes e das letras.

Sabemos que no futuro non se van dispoñer dos cen millóns anuais que as dúas caixas achegaban á súa Obra Social, dos que un terzo deles eran destinados a proxectos asistenciais (dende programas de envellecemento activo da rede de Centros de Maiores á asistencia de persoas dependentes) e outro terzo as actividades culturais e artísticas (teatro, música, danza, cine, exposicións) que se desenvolven no seus 97 edificios sociais e culturais, onde se expoñen pezas da súa colección de arte, probablemente a máis valiosa das existentes en Galicia. Sen esquecer os fondos destinados ao sostemento dos seus centros educativos, algúns tan emblemáticos como o Colexio Fogar de Vigo, ás bolsas de iniciación profesional, os programas de asesoramento gratuíto de PEMES ou os de conservación medioambiental, como as famosas “Operación Carballo” e “Operación Castiñeiro”. Todos os datos indican que as reservas de 96 millóns, previstas para os tres vindeiros exercicios, serán insuficientes para o mantemento de toda esta Obra Social, máis aínda cando existe a posibilidade de que unha parte puidese ser utilizada para aumentar a capitalización da NCG no banco hoxe nacionalizado. O futuro de todos estes programas sociais, educativos e culturais, o corazón máis valorado do labor das caixas que foron nosas, queda no aire.

Outrosí sucede coa Obra Social do Pastor, artellada na Fundación Barrié, que non fai falta ser adiviño, a pesar dos desexos dos seus responsables, tamén se verá afectada coa absorción do seu banco. As consecuencias para a cultura galega da diminución da súa actividade poden ser preocupantes, xa que a Barrié é a entidade que achega os fondos principais dalgúns proxectos fulcrais para a posta en valor do noso Patrimonio, dende a restauración da catedral de Santiago, con especial atención ao Pórtico da Gloria, até a súa posta en valor no catálogo das súas publicacións, pasando polo seu apoio ao funcionamento da Real Academia Galega, con especial atención ao seu Seminario de Lexicografía. Sen falar das bolsas da Barrié para a formación de estudantes no estranxeiro, no apoio á investigación ou nos servizos sociais a dependentes.

Se non abondase, a crise da Obra Social das entidades financeiras galegas coincide coa redución brutal dos fondos das administracións públicas destinados ás mesmas finalidades. Roberto Varela, o conselleiro de Cultura, recoñecíao esta semana de forma dramática, referíndose ao mantemento de pezas principais do Patrimonio galego: “Non temos fondos abondos para facer fronte ás necesidades”. O presidente da Xunta de Galicia, a administración con competencia exclusiva sobre todas estas materias de Educación, Cultura e Servizo Sociais, algo debería dicir sobre como ten pensado afrontar esta situación de auténtica emerxencia.