Onte 40: Galicia queimada

18 Outubro, 2011 (07:37) | Goberno Feijoo, Medio_Ambiente, Onte, Política, Radio

As noitiñas dos luns estou afeito a debater coa serenidade posible na tertulia conservadora da Radio Galega. Onte fun o único participante que defendeu a necesidade de traballar pola construción da paz e da convivencia en Euskalerría ou por non asumir con resignación a política do teito de gasto que recurta as prestacións e a calidade dos servizos públicos básicos achegados pola Xunta de Galicia. No entanto, non puiden evitar amosar a indignación que me produce o conformismo irritante do Goberno Galego na cuestión dos incendios da provincia de Ourense, tras desmantelar o pasado mes de setembro a maior parte das brigadas de loita contra o lume. Dende comezos deste sufocante outubro, a lacra incendiaria arrasou 10.000 hectáreas do Macizo central ourensán, da serra de Avión ou dos parques naturais do Invernadoiro e do Xurés. Unha desfeita ecolóxica de importantes proporcións. Neste ano internacional dos bosques, Galicia perderá unha parte deste seu patrimonio natural, mentres envía ao paro aos que se ocupaban das tarefas de limpeza e vixilancia do monte en aras de contribuír ás políticas de austeridade. Recuperando aquela foto da mangueiriña dos incendios de 2006, verán no que se queimaron 77.000 hectáreas en todo o país, é inevitable preguntarse se non estaremos diante dunha austeridade temeraria que ameaza con deixarnos sen país?