Onte 49: O máis estraño

27 Outubro, 2011 (06:52) | Autores, Narrativa, Novidades, Onte, Presentacións

Non defraudou Manuel Rivas na presentación aos medios do volume de contos reunidos. Baixo o título O máis estraño, Rivas reuniu e revisou estilisticamente os seus 81 contos, publicados en cinco libros ao longo de dúas décadas, dende aqueles primeiros dun Millón de vacas ao máis recente e inédito, «A sombra do soño», no que hai un xogo entre o azougue do espello, expresado pola frase de Píndaro «o ser humano é a sombra dunha sombra», e a procura do soño, sexa individual ou compartido. Rivas comezou a súa intervención lembrando o «Manifesto Antropófago» de 1928 («Hai que probar de todo. Todo o que estea bem no mundo») e rematou reivindicando traspasar dende a literatura a liña do inaccesible, definida polos arqueólogos, utilizando o valor da imaxinación como prolongación da liña de memoria. Manolo insistiu na idea de que a escrita literaria ten que ver cun proceso de esclarecemento, sendo o do escritor un traballo semellante ao do arqueólogo dun futuro abandonado, na procura de claridades alí onde hai zonas de escuridade e silencio. Mais, abordou tamén o proceso contrario, xa que a literatura, ao mesmo tempo que se vai achegando a un segredo, tamén vai creando enigmas. Creo que o momento máis brillante do seu discurso foi cando abordou a descrición dese círculo, entre o segredo e o enigma, como o trazo máis característico deste xénero: «o conto dura o tempo dun misto prendido na escuridade. O conto existe de verdade cando queima nos dedos, cando o misto remata a súa luz e calor». Tamén foi moi lúcida a súa insistencia en relacionar a literatura co concreto: «debe dicir o que non se pode dicir, expresando o enigma do humano», «a literatura é o eido dos porqués», «a literatura é o máis eficaz medio de defensa contra o arsénico do poder» … A publicación deste volume constitúe un fito para a historia da editorial, unha alfaia para o noso catálogo, unha obra perdurable, concibida para permanecer, onde está a maior riqueza dunha editora. Onte Manuel Rivas cumpriu 54 anos, sentímonos moi orgullosos de poder acompañalo en xornada tan magnífica.