Onte 54: Nova reforma educativa?

1 Novembro, 2011 (11:15) | Educación, Onte, Política

Na tertulia da Radio Galega debatemos sobre o avance do programa electoral de Mariano Rajoy, a quen xa todos vemos cun pé na Moncloa. Fóra da premeditada ambigüidade da súa redacción e do modelo de política fiscal que favorece aos que máis teñen e poden, chamoume moito a atención o compromiso de volver reformar a Educación Secundaria. Semella que desta volta, se o PP conta con maioría absoluta, como é moi probable, aprobará unha nova lei que parta a Secundaria en dúas etapas de tres anos coa intención de facela «máis flexible»: unha ESO de carácter comprensivo (á que habería que engadir un ano de inserción profesional) e un Bacharelato claramente propedéutico. Poñeríase así fin ao modelo de Secundaria Obrigatoria para todos e todas, que os sectores educativos conservadores veñen criticando dende a posta en marcha da LOXSE, hai xa vinte anos. Decontado viñéronme á cabeza tres preguntas: Que debemos facer coa nosa campaña de novos libros de texto para 4º de ESO, na que estamos traballando nestes momentos? Que foi daquel pacto pola estabilidade da Educación da que tanto falou o PP para non aceptar o acordo proposto polo ministro Gabilondo? Asume o partido de Mariano Rajoy algún compromiso de aumentar os recursos dedicados á educación ao longo da lexislatura? Quizais no programa electoral completo do PP (publicado hoxe) poidamos atopar respostas para estas nosas preguntas tan desacougadas.