«Polaroid 25», artigo en «Faro de Vigo»

14 Novembro, 2011 (07:03) | Artigos Faro de Vigo, Autores, Campo de Granada, Narrativa, Xerais

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o que supón para a literatura galega a celebración do vinte e cinco aniversario da publicación de Polaroid de Suso de Toro.

Hai algúns libros e autores marcantes, capaces de permanecer e de representar as preocupacións ou o imaxinario colectivo dun tempo. Esa capacidade referencial é a que permite utilizar as efemérides literarias como mecanismo para volver a visibilizar a libros e autores no mercado editorial, nos medios de educación ou no propio sistema educativo. Foi o caso deste 2011 no que lembramos ao poeta Lois Pereiro, con motivo do Día das Letras Galegas, e ao escritor Álvaro Cunqueiro, con ocasión do centenario do seu nacemento. Celebracións ás que se uniron senllos aniversarios bibliográficos de dous títulos emblemáticos: o cincuentenario da publicación de Memorias dun neno labrego, a novela de Xosé Neira Vilas, publicada en 1961 en Buenos Aires pola editorial Follas Novas; e o vinte e cinco aniversario da edición de Polaroid, o libro narrativo coa que Suso de Toro iniciaba en 1986 as súas publicacións en Xerais. Efemérides literarias que terán a súa continuidade en xaneiro de 2012, coa celebración do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro e no mes de agosto co cincuentenario da publicación na colección Sanlés de Galaxia da súa Longa noite de pedra; sen esquecer a lembranza do polígrafo e empresario Valentín Paz Andrade, figura á que se lle dedicará o futuro 17M. Nin tampouco que en 2013, Galicia deberá preparar un ano rosaliano con motivo dos cento cincuenta anos da publicación no prelo vigués de Compañel da primeira edición de Cantares gallegos.

Tras un ano Pereiro moi exitoso e renovador, despois do éxito da recuperación das memorias de Balbino e das numerosas publicacións e actos sobre a figura de Cunqueiro, afortunadamente tampouco pasou desapercibido o aniversario da publicación de “Polaroid”, un libro que, coincidindo co inicio da Autonomía e a oficialización da lingua galega nas administracións e no sistema educativo non universitario, supuxo unha profunda ruptura estética no decorrer da narrativa galega. Un feito que xa acontecera no eido da poesía xusto unha década antes, en 1976, coincidindo coa publicación de Mesteres de Arcadio López Casanova, Con pólvora e magnolias de X.L. Méndez Ferrín e Seraogna de Alfonso Pexegueiro, tres libros de poemas que enxergaron un novo horizonte.

Polaroid foi un lóstrego, un acto de rebelión cunha tradición mansa, unha revolución literaria, que en palabras do crítico José Manuel Estévez Saa sinalou “o inicio do tránsito da narrativa galega cara á modernización e as posibilidades de versatilidade da nosa lingua”. Un texto no que Suso de Toro, tras o seu debut con Caixón desastre, asumía unha tarefa artística por facer, a de inserir a narrativa en galego na tradición contemporánea universal. Un proxecto que continuará en textos posteriores, como Tic-Tac, A sombra cazadora, Calzados Lola, Non volvas, Trece badaladas, e que desenvolverá até, polo momento, na súa última peza, Sete palabras.

Polaroid foi unha aposta moi arriscada do inesquecible editor Luís Mariño, cando abría os vieiros da colección “Xerais Narrativa”. Un libro que rompía cunha forma de entender a narrativa galega, un libro que non se pode explicar, xa que continúa sendo moi difícil saber se estamos diante dunha novela extravagante e bizarra –quizais, tamén “romántica”, como a definíu o académico Xosé Luís Axeitos, que destrúe practicamente todo–, dun monllo de relatos punkies e irreverentes ou apenas dun compendio de momentos epifánicos. Suso de Toro declarou no acto no que se lembraron estes vinte e cinco anos: “a publicación deste libro foi un acto estético e político, daquela era, como son hoxe, moi crítico coas ideas establecidas na cultura galega, mesmo co propio país”. En cada unha das páxinas de Polaroid, e non só nos capítulos iconoclastas presentados como “Apocalipse do churrasco”, late a insatisfacción, a necesidade de mudar o país, a vontade de saír desas páxinas de papel superando calquera intención de autocomplacencia sobre un devir coletivo do que somos os únicos responsables.

Cunha fasquía formal anticlásica, Suso de Toro amosa nas páxinas de Polaroid unha confianza radical na literatura como unha ferramenta para mudar a realidade, para esculcar nos límites, mais tamén na posibilidade de ser moderno e radicalmente galego. Eis capítuliños memorables, epifanías como as de “¡Móvanse, que é un vídeo!”, auténticos textos manifesto, que amosan o carácter anticipatorio dunha obra escrita coa audacia de quen reivindica a precariedade, a inmediatez, o que non é perfectible, o que se pretende aberto para que poida ser radicalmente modificado. Tras vinte e cinco anos, semella que o tempo non envelleceu as páxinas de Polaroid, un libro que radicalmente actual, coa capacidade de permanencia dos textos importantes. Recomendo vivamente revisitalo nestes tempos difíciles de incerteza.