Onte 73: Derrota

20 Novembro, 2011 (17:17) | Celta de Vigo, Fútbol, Onte

Tras a enésima derrota en Balaídos é doado comprobar o elevado umbral de resistencia do celtismo diante da adversidade. Un índice que sei medir, dende hai tempo, polo nivel de ruído provocado polas conversas dos serareiros no ouruga de Urzaiz ao regreso de Balaídos: canto máis balbordo, maior satisfacción pola goleira; canto máis silencio, maior desacougo. Onte foi un deses días de silencio espeso, onde nin sequera se podía botar man dun novo fracaso do Deportivo, un fierabrás que moito leva axudado a aliviar as derrotas de noso. Chama a atención que Paco Herrera, o adestrador do Celta, aínda non entenda a identidade do seu equipo e lamente que os seus non ganen os partidos, a pesar de xogar ben. Herrera ignora esa regra non escrita, que até o celtista máis noviño xa coñece: «cando o Celta arrecende a posibilidade real de gozar do mel nos beizos, prodúcese unha axitación interna de orixe descoñecida, que lle impide saborealo». Manuel Rivas diría que o camiñar celeste é o de Charlot, un paso adiante e outro atrás, como o verso emblemático de Díaz Castro que tan ben lle acae o primeiro equipo dun país curtido en mil derrotas. Herrera, aí está a orixe dos fracasos recentes.