Onte 95: Un Valedor para a lingua

12 Decembro, 2011 (07:51) | Edición, Libro de texto, Lingua, Onte

A noticia de Atlántico Diario, incluído o seu titular, é moi alarmante. O Valedor do Pobo, un dos responsables de velar polos dereitos dos cidadáns galegos, incluídos os seus dereitos lingüísticos, na resposta á queixa presentada por Pedro Larrauri, responsable en Vigo de UPyD, ignora o apartado primeiro do artigo 5.1. do Estatuto de Autonomía de Galicia, aquel que di: «A lingua propia de Galicia é o galego». A noticia, ademais de provocarnos desolación, amosa un preocupante descoñecemento por parte da Oficina do Valedor da actual lexislación educativa no que atinxe á industria editorial. Por fortuna, dende a aprobación da actual LOE, os editores educativos xa non temos que presentar os novos libros de texto á aprobación previa da Consellaría de Educación. Corresponde á Inspección Educativa a supervisión xeral da actividade académica dos centros, incluíndo a programación didáctica, as metodoloxías e os materiais curriculares utilizados. Se algunha persoa ou institución considera que os os libros de texto non respectan o marco constitucional, as leis ou o currículum vixentes, debe denuncialo diante dos tribunais de Xustiza. Esa é a instancia onde se dirimen este tipo de cuestións. Na polémica que nos atinxe, o Valedor do Pobo debe rectificar decontado e comunicar as súas desculpas ao editor de Vicens Vives, que na publicación do seu texto didáctico non conculcou dereito ningún nin violentou lei ningunha. Expreso o meu apoio e solidariedade aos compañeiros da prestixiosa editora catalá, que contan cun amplo e utilizadísimo catálogo en lingua galega; estou seguro que terán dificultades para entender o esperpento provocado en Galicia por esta minoría que non cesa a súa teimosa campaña contra a lingua e cultura galegas. Diante de situacións xa tan reiteradas, ben sería que desde a sociedade civil galega se crease a figura do VALEDOR DA LINGUA para actuar coa maior dilixencia e lexitimidade nestas lideiras nas que os sectores negacionistas buscan o seu protagonismo e visibilidade. Unha institución de prestixio indiscutible, que moi ben podería estar avalada pola Real Academia Galega e por cantas outras asociacións privadas quixeran unirse no seu labor de amparo das actividades de fomento da lingua galega.