Campo do Fragoso CXV

18 Decembro, 2011 (09:44) | Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol

COMPARTIR

A cómoda vitoria do Celta fronte ao Guadalajara produciuse debido a que os pupilos de Paco Herrera souberon compartir. Na polisemia de calquera das tres acepcións principais dese verbo transitivo de orixe latina atopamos as mudanzas dun equipo que vemos cada xornada máis sólido e competitivo. Esta semana en senllos bos encontros de copa e liga, o Celta demostrou que aprendeu a “ter en común” un patrón definido de xogo (primeira); que sabe “distribuír en partes” as responsabilidades entre as súas liñas e entre os seus membros, xa sexan defensivas e atacantes (segunda), e, quizais o máis decisivo, que forxou un clima amigable que facilita “ter o mesmo sentimento” celeste tanto entre os que se formaron na canteira da Madroa como entre aqueloutros que viñeron a Vigo para construír ese soño tan difícil do ascenso á primeira (e terceira). Este Celta de Nadal é moito mellor equipo ca aqueloutro vacilante de inicio da tempada por que conta cunha estrutura moi sólida nas súas parellas de centrais (Oier e Túñez) e medio centros (Borja e Álex) que facilita a fluidez do xogo da media ducia de dianteiros que cargan con dinamita as súas biqueiras. Nunha das mellores primeiras partes que lembramos, o Celta ganduxou con fío invisible o seu xogo. A actuación da parella de centrais, anticipándose a todos os balóns e acudindo ás axudas precisas dos laterais polas bandas, foi magnífica. A solidez flexible de Oubiña, sen dúbida, o líder natural deste equipo, permitía unhas veces mudanzas de orientación do xogo entre as bandas a velocidade de vertixe, que axiña foron aproveitadas por Orellana e Quique de Lucas, mais noutras facilitaba diagonais interiores de tiraliñas cara ese valladar chamado Mario Bermejo disposto sempre a abrir ocos nas defensas rivais. Mais non menos memorable foi a actuación de Álex López, un rapaz capaz de asumir a responsabilidade de conducir de forma infatigable e distribuír o pase decisivo entre os atacantes. Con semellante xogo decontado foron chegando os goles feitos. Aos tres minutos un xute de falta de Quique de Lucas obrigou ao porteiro manchego a ofrecer unha pombiña. Dous minutos despois, Orellana errou cando pretendeu entrar na portaría coa pelota, o que público tan entendido como o de Balaídos axiña lle recriminou cunha estrondosa asubiada. O internacional chileno aprendeu onte en carne propia que en Vigo se valora moito máis aos xogadores xenerosos que saben enunciar o verbo compartir ca aqueloutros figuriñas que prefiren adornarse co de chupar. David Rodríguez, un dianteiro centro nato, famento de gol, demostroullo de forma exemplarizante cando non dubidou en pasarlle un balón de ouro para que a porta baleira abrise o vieiro da vitoria celeste. Foi ben bonito, que un cuarto de hora despois, cando Borja e Álex aseñoraban o encontro como querían, Oier enviase dende trinta metros un globo medido sobre o chileno que, tras unha fermosa xogada, soubo devolver a moeda para que o noso pichichi reatopase o tan necesitado camiño do gol. Co resultado franco para os galegos, o partido mudou de ritmo. Un Guadalajara moi curriño e voluntarioso intentou durante toda a segunda parte atopar os espazos para intentar collerlle as costas aos nosos centrais. Contou apenas cun par de oportunidades, xa que Yoel estivo moi atento e Oier e Túñez non perderon nin intensidade nin concentración nun serán de solidez absoluta. Máis aínda, houbo oportunidades abondas para que o Celta puidese ampliar o resultado nalgunha das cabalgadas dirixidas por Álex. Mágoa que no minuto noventa o de Narón non marcase tras un seu cacheirón formidable que saíu a moi poucos centímetros do poste. En definitiva, moi bo partido celeste. Pechamos o ano coas maiores esperanzas.