5.1. Lingua propia

19 Decembro, 2011 (07:50) | Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Edición, Editores, Educación, Lingua

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a resolución do Valedor do Pobo sobre un libro de texto de Coñcemento do Medio.

A resolución do Valedor do Pobo relativa a un expediente de queixa sobre o contido dun libro de texto de Coñecemento do Medio de 5º de Primaria, presentada por un político vigués, constitúe un grave erro pedagóxico, ademais de pór en evidencia o desamparo no que se atopa todo o referido ao uso, o estatus e mesmo a aprendizaxe de e sobre a lingua galega no actual sistema educativo non universitario. Outra desfeita de consecuencias educativas nefastas provocada por parte daqueles sectores políticos que de forma máis ou menos explícita pretenden erradicar a presenza do galego en todos os ámbitos da sociedade. Sectores galegófobos que se desentenden do noso actual marco de convivencia –baseado nos consensos amplísimos forxados e actualizados durante tres décadas arredor do estatus da lingua galega– recollido tanto no Estatuto de Autonomía do 81 como na Lei de Normalización Lingüística de 1983.

A pesar de que a maior parte desta resolución do Valedor do Pobo se ocupa de cuestións de lexislación educativa, referidas a autonomía do profesorado e dos centros na elección dos recursos didácticos e no papel da Administración Educativa na súa supervisión, a cerna do erro desta resolución reside en admitir sen xustificación ningunha que este libro de texto recolle un “contido incompleto sobre a regulación Estatutaria das linguas oficiais en Galicia”. Valoración determinante que descoñecemos se é froito do informe que sobre a queixa subscribiu o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellaría de Educación ou do criterio dos redactores da resolución, tras a súa investigación sumarial e informal. En todo caso, abonda con lermos devagariño e con criterio didáctico as catorce páxinas da magnífica unidade didáctica dedicada a “O Goberno de Galicia”, incluída no libro de texto da editorial Vicens Vives obxecto da polémica, para decatármonos que por ningures existe un tratamento incompleto dos contidos curriculares establecidos para este nivel do terceiro ciclo de Primaria no referido ás institucións de goberno de Galicia, ao Estatuto de Autonomía ou aos símbolos de Galicia no marco establecido pola Constitución española para o Estado Autonómico. Para maior abondamento, se alguén pode albiscar algunha dúbida, na terceira páxina da unidade lémbrase nun recadro superior: “A Constitución establece que o castelán é a lingua oficial de España”, sendo “a lingua oficial única en 11 Comunidades Autónomas e en Ceuta e Melilla. Nas demais comunidades, segundo dispoñen os seus Estatutos de Autonomía, existe outra lingua oficial: O galego é a lingua oficial de Galicia…”

Semella que para os redactores da resolución do Valedor do Pobo, non abonda que na escolma de artigos do Estatuto de Autonomía (un texto de 57 artigos) recollida na cuarta páxina da unidade deste libro de texto só aparecesen os tres apartados do primeiro artigo e o primeiro do quinto (o xa famoso 5.1), aquel que reza “A lingua propia de Galicia é o galego”. Aí nesa liña semella estar a cerna da queixa e de resolución tan errada como inoportuna, nesta afirmación que expresa o carácter do idioma galego como patrimonio colectivo e primeiro lazo de cidadanía, que vincula a todos os cidadáns da Comunidade Autónoma Galega, tanto aos que o falan decote como aqueloutros que non o fan, propio tanto dos que aquí naceron como aqueloutros que viñeron a Galicia a construír o seu futuro e  o das súas familias. Esa afirmación do galego como lingua de encontro da cidadanía (un contido de carácter axiolóxico, que desenvolve a competencia social e cidadá, presente tamén no currículo do nivel) queda perfectamente abordada no libro de texto que o Valedor  recomenda á Consellaría de Educación “non sexa utilizado, en tanto o seu texto non sexa corrixido”. Afirmación –a lingua propia de Galicia é o galego– que na mesma tarde na que se coñeceu a resolución oín nun acto público dos beizos do actual conselleiro de Educación e dun maxistrado do Tribunal Supremo. Cal é a razon que non poida aparecer como tal nun libro de texto de Educación Primaria?

Non deixa de ser sarcástico que nesta unidade didáctica apareza outro recadro que reza do seguinte teor: “A misión principal do Valedor do Pobo consiste en recoller as queixas dos cidadáns e cidadás sobre as posibles violacións dos seus dereitos  e liberdades por parte da Administración”. Quen ampara aos cidadáns das resolucións erradas do Valedor do Pobo como esta, cando o seu criterio ademais é seguido pola Xunta de Galicia? Quen ampara aos cidadáns que queremos facer uso dos nosos dereitos lingüísticos e utilizar o galego en todos os ámbitos da vida social? Achegándonos aos días de Nadal, non está de máis que desexemos que sexa a estrela dos afectos a que guíe a lingua galega, unha luz que a todos e todas une.