Onte 103: «Fantasmas de luz»

20 Decembro, 2011 (09:31) | Autores, Cine, Economía, Ilustración, Literatura infantil e xuvenil, Narrativa, Novidades, Onte, Presentacións, Xerais

Na presentación de Fantasmas de luz Agustín Fernández Paz confesou que quixo escribir dende a ficción a desfeita que está producindo o capitalismo dende a caída do Muro de Berlín. Un proceso de degradación, mesmo de perda dalgunhas conquistas e dereitos sociais, que uniu a unha das súas paixóns, a do cinema, esoutra  fonte creada pola humanidade para beber soños, para gozar de historias que van conformando o xeito de ver o mundo. O resultado desas dúas angueiras é unha noveliña (o que os franceses chamarían «nouvelle»), seis relatos («tomas extra») e cincuenta e dúas fichas doutros tantos clásicos do cine, nas que se aborda a exclusión provocada polo paro de forma radical, aínda que non exenta dun chisco de esperanza. Os protagonistas de Fantasmas de luz, como expresou Beiras, non están derrotados. Exprésao Agustín cunha frase das Uvas da ira: «Nunca poderán con nós, somos o pobo».

Mención á parte merece o traballo de ilustración memorable de Miguelanxo Prado para presentar aos excluídos como persoas invisibles, transparentes.