Onte 110: Repesca

27 Decembro, 2011 (11:36) | Economía, Goberno Feijoo, Lingua, Onte, Política

A convocatoria de axudas para a edición de recursos didácticos en galego, por medio do procedemento dunha tramitación anticipada dos expedientes de gasto e por unha contía máxima de 300.000 euros, constitúe outro capítulo dese devalo, até agora imparable, da política de apoio ao libro educativo en galego do Goberno de Alberto Núñez Feijóo. Tras a supresión unlilateral da adxudicación de axudas de 2011 (valoradas en 400.000 euros), os editores de materiais educativos en galego concibimos esta nova convocatoria (cun importe que, respecto á de 2008, supón unha redución do 70%) como unha “repesca” que nos permita aminorar dentro do posible os efectos negativos dun ano perdido. Con todo, non deixa de ser moi inquedante a advertencia, contida no artigo 2 da Orde, de que “o gasto proxectado queda sometido á condición suspensiva da existencia de crédito suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012”. Algo máis desacougante, aínda, cando é de dominio público que dos 16.500 millóns de euros de redución do déficit das Administracións Públicas, anunciados por Rajoy, corresponderán á Galicia arredor de 850 millóns. Sería esperpéntico e delirante, aínda que non descartable, que os editores de libros de texto en galego fósemos, outra volta, da quenda dos primeiros sacrificados das políticas orzamentarias destinadas a acadar “o equilibrio entre ingresos e gastos” (vaia eufemismo!). É triste que un teimoso optimista da vontade, coma sempre fun, se transforme nun escéptico radical disposto a enfrontar a hipótese máis desfavorable.