Onte 121: A despedida de Isaac

7 Xaneiro, 2012 (11:08) | Autores, Editores, Eventos, In memoriam, Onte

Estivemos nas exequias de Isaac, que se desenvolveron cun protocolo estritamente civil como correspondía ás conviccións laicas do finado, a pesar de que botei en falta nalgún dos momentos a presenza da bandeira republicana, unha das insignias da súa vida. Entre os varios centos de persoas que asistimos ao enterro foi moi gabado que os responsables do concello de Santiago, ademais de montar unha garda de honra no velorio, escollesen para Isaac un espazo de terra a carón do seu compañeiro Antón Fraguas, do poeta Aurelio Aguirre e do escritor Ramón María del Valle Inclán. Á entrada de Boisaca quedará para sempre un recanto da nosa memoria nacional, merecente de ser visitado por xeracións. Dous grandes amigos de vida foron os que alí, en nome do pobo galego, expresaron a derradeira laudatio. Entre outras moitas virtudes, Xosé Neira Vilas gabou «o escepticismo esperanzado de Isaac», unha actitude que axuda a enxergar o futuro. Pola súa banda o profesor Xesús Alonso Montero lembrou que «marcha o patrón de Galicia», un auténtico xigante que sempre reinvestíu as plusvalías de Sargadelos noutras empresas culturais ao servizo de Galicia. Ese espírito filantrópico, ese liderado construído sobre o traballo arreo, esa vontade de resistencia até o derradeiro salaio son outras das herdanzas que nos deixa Isaac, con que nos solidarizamos.