Moaña na memoria

23 Xaneiro, 2012 (07:40) | Artes Visuais, Artigos Faro de Vigo, Campo de Granada, Historia, Memoria, Novidades

No artigo da semana en Faro de Vigo comento a aparición dos dos volumes de Moaña. Historia fotográfica, publicados pola Asociación Cultural Nós.

No formidable anfiteatro da ría, para os vigueses a península do Morrrazo é moi importante xa que é o primeiro horizonte que enxergamos. O perfil montañoso atlántico da ribeira dereita, o que vai dende o estreito de Rande, presidido polo monte Faro de Domaio, até a Costa da Vela, marca o noso referente vital. Sobre esa liña do ceo espellamos decote albores, brétemas e ballóns e sobre ela nacen os lueiros e as lumieiras de cada unha das nosas noites.

Deitadas nas abas do macizo do Xaxán, por baixo da serra de Domaio, esténdense as catro parroquias tradicionais sobre as que en 1874 se fundou o actual concello de Moaña: San Pedro de Domaio, Santa Baia de Meira, San Martiño de Moaña e San Xoán de Tirán. Outra das abellas da nosa ribeira, que nos seus 138 anos de historia transformouse ao xeito de vertixe de viliña de pescadores na actual cidade litoral de case vinte mil habitantes. Dous libros recentes, “Moaña. Historia fotográfica” (tomos I e II), recuperan unha parte desa historia centenaria. Publicados pola Agrupación Cultural Nós de Moaña, estes dous volumes de máis de duascentas páxinas e trescentas cincuenta fotografías cada un deles, forman parte dunha triloxía coa que se pretende ofrecer un relato visual das mudanzas de Moaña ao longo do século XX.

Dende hai tres décadas os membros da Agrupación Cultural Nós de Moaña desenvolveron unha actividade pioneira na recuperación da memoria fotográfica local. Xa en 1980 e 1982 organizaron por diferentes bares, locais veciñais e espazos educativos de Moaña exposicións fotográficas sobre a vida social, costumes e paisaxes do concello. Dende entón, grazas á colaboración veciñal e contando coa axuda de diversos arquivos fotográficos públicos, foron capaces de atesourar un arquivo fotográfico que na actualidade conta con máis de cinco mil pezas. Un patrimonio que foron poñendo en valor en diversas públicacións: “Moaña onte” (álbum fotográfico, 1987), “A imaxe recuperada” (álbum que duplica o número de pezas do anterior, 1999), “Moaña no século XX” (DVD, 2007), “Domaio no século XX” (2008) e “Moaña, onte e hoxe” (2008). Publicacións que alentaron á cidadanía a participar no proceso de construción social da memoria facilitado pola fotografía histórica.

O éxito popular daquelas obras, como supoñemos sucederá con estes dous formidables tomos sobre a historia fotográfica de Moaña, débese a que estes humildes cartaces envellecidos, a maior parte realizados por fotógrafos anónimos de estudio, algúns gardados coma ouro en pano en todas as casas, conservan o fulgor da vida doutrora. Estas fotos entusiasman xa que transforman aquel “instante decisivo” do que falaba John Berger en eternidade, por que fan outra vez familiar o que antes era descoñecido, e, sobre todo, por que son capaces de provocar o asombro diante dunha lembranza imprevista. Esa capacidade de xerar memoria compartida fai estes libros imprescindibles para a identidade e cohesión dunha comunidade local.

Nestes dous extraordinarios tomos recupéranse paisaxes de Moaña, inimaxinables neste século XXI. Eis as canteiras de Meira, as do Cocho e as da Borna, nas que traballaban centos de canteiros portugueses e subministraban a pedra coa que, hai cen anos, se construíron os peiraos do porto de Vigo. Devólvese, ademais, a memoria tráxica dos naufraxios do “Ave do Mar” (1956), grazas ás estremecedoras imaxes de Bene, fotógrafo de “Faro de Vigo”, ou do “Centoleira” (1964). Reconstrúese o pulo do mundo do traballo, fosen os estaleiros de ribeira, de Benito Ferradás, Pedro Riobó, Marcelino e Vedeal; o da construción das primeiras bateas de Domaio; a factoría de conservas “A Guía”; o das atadeiras no Vaticano, o marisqueo en Meira ou o de tantas tripulacións da ardora.

No capítulo dos retratos ábrese unha xanela necesaria para a memoria escolar e para render homenaxe a aqueles que durante o 36 foron fondeados e asasinados, como o alcalde José Fandiño Pidre e o presidente de “Solidaridad Marinera” de Moaña José Paz Pena. No entanto, o corpo principal dos libros está constituído pola presenza das xentes populares. Aquí están as procesións de San Martiño e as marítimas do Carme. Aquí están as feiras do 3 e do 19. Protagonismo teñen tamén os días de xoldra, as excursións, as vodas e as comparsas de entroido, cuxa existencia está documentada con letras e músicas dende 1913. Nunha vila de tradición musical non falta as imaxes dos seus gaiteiros, como Manuel Barreiro “Budiño” e o seu grupo Brisas do Mar, nin das súas corais nin dos seus numerosos grupos yeyés dos anos sesenta. Tamén aparecen nos libros os bailes de Lestón, os cines Maravillas e Prado e mesmo as conferencias no Ateneo de Moaña, un dos referentes da cultura galega moi a comezos dos anos setenta. Toda unha fervenza de vida e memoria. Moi recomendables.