Campo do Fragoso CXVII

5 Febreiro, 2012 (10:13) | Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol

FIABLE

As estatísticas do Celta nos dous últimos meses amosan que é un equipo fiable. Tras oito partidos sen coñecer a derrota e sete sen encaixar gol ningún, tras acadar vinte puntos sobre vinte e catro posibles, tras converterse nun dos equipo máis goleiros e menos goleados da categoría, ocupa posición de ascenso directo, aínda que poida ser apenas por unhas horas. Sendo moi esperanzadoras estas cifras, a fiabilidade do equipo de Paco Herrera, a confianza que xornada a xornada está conquistando no corazón dos dez mil seareiros que acudimos a Balaídos e no de moitos milleiros máis que o siguen por televisión e internet dende o todo mundo, reside na solvencia e seriedade coa que comeza a resolver os partidos, mesmo a pesar de resultados moi axustados, coma sucedeu onte fronte ao Murcia. Superadas as vacilacións iniciais na estrutura defensiva e consolidado o liderado de Borja Oubiña no medio campo, que lle achega ao equipo as doses necesarias de serenidade e de equilibrio, este Celta mete moito respecto a calquera dos seus rivais. Fronte aos pementoneiros, Herrera sacou un dos seus equipos de gala: unha defensa dinámica, formada por dous centrais (Túñez e Oier) en estado de graza e dous laterais (Mallo e Lago) cunha clara vontade atacante; unha valiosísima parella galega de medios (Oubiña e Álex López) con capacidade de recuperación e de lanzamento do contraataque; amais dunha dianteira –quizais a mellor da categoría– de moitos quilates, con dous extremos veloces (Orellana e De Lucas) con clara vontade de desborde, un enganche rochoso e recuperador (Bermejo) e un media punta (Aspas) ao que se lle concede moita liberdade e se lle outorga as responsabilidades artísticas. O Celta tardou un cuarto de hora en collerlle o punto a un partido que comezou no primeiro minuto cunha clarísima oportunidade para o Murcia, un notable cabezazo de Chando, moi ben chapado por Yoel. Durante a primeira parte, os visitantes artellaron varias transicións de ataque moi ordenadas que, paradoxicamente, foron as que lles permitiron aos galegos os roubos de balón dos que naceron tres contragolpes magníficos e outras senllas oportunidades de gol. A primeira, un aviso de Quique de Lucas. A segunda, xa no minuto dezaoito, cando Iago Aspas xutou, dende a fronte da área, con moita intención á base do pau. Unha arteirada de auténtica orfebrería merecedora de gol. E a terceira, cinco minutos despois, outra contra moi ben conducida, esta vez por un Orellana, cada vez máis centrado no xogo colectivo, á que magoadamente non chegou por centímetros Iago. Na segunda parte, o Celta perseverou na súa estratexia do contragolpe veloz. Xa no primeiro minuto, Álex guindou un balón ás bandeiras da grada de Gol, anunciando que axiña chegaría o único gol do serán. Unha xogada de contragolpe moi ben iniciada e mellor resolta. Mallo recuperou un balón no campo propio para que Álex llo servise a considerable distancia a Iago; o de Moaña arrastrou cara así á defensa rival, percorreu en horizontal a liña da área e tocou cara á esquerda onde agardaba soíño Orellana para rematar de biqueira. Dez minutos despois, Bermejo volveu enviar outro balón ao pao, tras outra grande xogada na que combinaron até catro xogadores nosos. A pesar de non acadar outro gol, o Celta mantivo a súa superioridade e soubo xestionar o resultado nos sempre díficiles vinte minutos finais. Un resultado xusto para un Celta que fixo un partido moi serio en todas as súas liñas. Mágoa da lesión muscular de Yoel que lle impediu superar a marca de imbatibilidade de Cavallero. Este Celta fiable ilusiona.