Campo de Granada CXVIII

12 Febreiro, 2012 (09:35) | Artigos Faro de Vigo, Campo do Fragoso, Celta de Vigo, Fútbol

BOA REMONTADA

O Celta demostrou fronte ao decano do fútbol español que tamén sabe remontar. Estragou toda a primeira parte, onde estivo tan frío coma a noitiña de sexta feira, sen expresar sobre a lameira algunha mínima idea de xogo. Foi a primeira parte decepcionante e ninguén aventuraba a goleada que finalmente se producíu. Comezou como un auténtico pasacorredoiras no que o balón pasaba dun campo a outro sen achegarse nunca as áreas onde mandaban as defensas, moi ordenadas as dúas. Un Celta moi impreciso no xogo posicional era incapaz de pasar dos dous terzos do campo onubense, onde atopaba o autobús dun equipo disciplinado, disposto a anular calquera posibilidade de ataque do seu rival. As pezas de engrenaxe celeste non funcionaban como deberan. Álex López, nunha noite moi pouco afortunada nas entregas, errou na creación de espazos polas bandas, mentres Bermejo deambulaba sen atopar cal era a súa función de enganche. Dos laterais era mellor non falar e os extremos preferían procurar a diagonal das áreas. Toda unha enleada. Neste período onde reinou esta alarmante empanada de todas as nosas liñas, apenas contabilizamos dúas xogadas de gol dos celestes. Na primeira, iniciada cunha recuperación de Oubiña, Orellana conducíu veloz pola banda esquerda para que rematase frouxiño Quique de Lucas. Na segunda, tras un caneo formidable de Iago Aspas, o mesmo De Lucas rematou cun cacheirón que deixou eivado durantes un par de minutos ao pobre do gardarredes andaluz. Porén, cando apenas faltaban cinco minutos para o descanso, o Recreativo que, até entón, apenas demostraba que sabía defenderse ben, aproveitou un dos seus escasos contragolpes, para adiantarse no marcador. Foi unha xogada desafortunada, onde os compoñentes da defensa galega amosaron unha diletancia infrecuente, xa que tres deles non foron capaces de impedir que un dianteiro onubense conducise a pelota, se encarase con Sergio, que foi quen de chapar o remate, e que máis tarde o mesmo fose capaz de aproveitar o rexeite do noso porteiro para marcar de forma moi cómoda. Unha mágoa! Rachábanse moitos minutos de imbatibilidade e, o que é peor, semellaba que volvían as dúbidas defensivas. Tras a reanudación, Herrera soubo mudar o decorado. Acertou de cheo. Deixou no vestiario a Belvís e reforzou a defensa coa entrada de Jonathan Vila. A sorte saíu ao encontro do Celta, tras unha xogaba de banda na que De Lucas centrou con moita forza de xeito que un dos centrais andaluces, cando quixo despexar a pelota, introduciouna no marco. Un agasalliño que mudou o partido. Herrera víu o ceo do partido aberto cando introducíu a Joán Tomás e comezou a fluír o xogo dun equipo aseñorado por Oubiña. Os engrenaxes celestes comezaron a funcionar, moito máis cando Iago Aspas aproveitou outro fallo defensivo dos andaluces para adiantar ao Celta no marcador. Cos espazos abertos, a ledicia comezou a aparecer na lameira nosa. Orellana adonouse da banda esquerda facilitando paredes nun traballo cooperativo que comeza a resultar exemplar. As oportunidades sucedéronse e así chegaron os tantos do internacional chileno no minuto 42 e o golazo de Aspas no derradeiro do encontro, cando a bancada celebraba a inagardada goleada. Unha remontada preciosa nun momento decisivo da tempada, no que se dirimen cales van ser os tres ou catro candidatos ás posicións de ascenso directo. O Celta, a pesar de estragar o primeiro período, amosou a súa solvencia e competitividade. Suma e segue.