Onte 163: Celso Emilio Ferreiro

18 Febreiro, 2012 (13:26) | Autores, Efemérides, Onte, Poesía

Estamos de cheo no ano de Celso Emilio Ferreiro. Pola mañá acompañei a Luís Ferreiro, o director da Fundación CEF, ao acto de presentación da programación institucional do ano Ferreiro, na que colaboran coa Fundación a Xunta, a RAG, o CCG e o concello de Celanova (mágoa que non o faga tamén o concello de Vigo, a cidade onde viviu tantos anos e onde viviu o poeta), así como outras entidades privadas como as editorais Xerais, Ouvirmos, Kalandraka e Tambre, asociacións como o Pen Clube Galicia, centros educativos, asociacións culturais de todo o país. Pola noite iniciei a lectura do orixinal da biografía de Ramón Nicolás no que comprobei decontado, xa nos capítulos dedicados á infancia e á mocidade do poeta en Celanova, que virá preñada de importantes novidades. Un relato diacrónico ben artellado, fiado transversalmente en cada unha das etapas polas dimensións persoal, política e literaria do biografado e do seu entorno; unha prosa literaria de festa e unha documentación completísima, que sostén cada unha das interpretacións e non dificulta unha lectura enguedellante, foron, tras catro horas de lectura, as miñas primeiras valoracións. Aventuro que tanto pola súa extensión (vinte e catro capítulos e numerosos apéndices, máis de 600 páxinas) como pola súa fasquía de biografía literaria, esta de Ramón Nicolás será a obra de referencia do centenario Ferreiro.