Onte 166: Calefacción

21 Febreiro, 2012 (08:45) | Educación, Goberno Rajoy, Onte, Política

Comparto o tuiteo de Juan Cruz: «Impresiona que todo comezase porque os rapaces tivesen frío». En efecto, convén lembrar que o conflito do Instituto Luis Vives de Valencia tivo a súa orixe nunha reivindicación da súa comunidade educativa en defensa da educación pública, apenas a solicitude de fondos para a calefacción do centro. A iniciativa dos estudantes de Secundaria e Bacharelato, que acudiron ao instituto con mantas e días despois se mobilizaron na rúa contra os retallazos educativos, convertiuse para a Delegación do Goberno nun grave problema de orde público. A actuación policial de onte, absolutamente desproporcionada, no contexto das medidas de axuste fiscal e de dura reforma laboral, amosa que o Goberno Rajoy está decidido a demostrar a súa autoridade na rúa, promovendo o medo nunha sociedade xa abondo amedrentada. Desque Rajoy goberna sigo con maior interese a prensa internacional xa que axuda a interpretar o que aquí sucede con maior obxectividade. Ben sería que se reflexionase devagariño sobre as consecuencias de semellante estratexia preventiva. Onte acendeuse en Valencia unha faísca que pode provocar un incendio de dimensións considerables nunha sociedade cada vez máis desigual. Os estudantes valencianos anuncian que se manifestarán con libros, o símbolo da educación e a tolerancia que tanto precisamos.