Onte 170: Debate sobre os libros de texto dixitais

25 Febreiro, 2012 (12:34) | Age, Editores, Libro de texto, Libro_electrónico, Literacidade, Onte, Tecnoloxías

Tras a intensa tarde e serán de debate arredor do futuro do libro de texto dixital e do programa Abalar, organizado por Nova Escola Galega, convencinme máis, se me quedaba algunha dúbida, do carácter disrutivo que introduce, tamén na educación, o paradigma da comunicación dixital, ao tempo que da necesidade de acompañar a innovación tecnolóxica nas aulas cun modelo didáctico rigoroso e unha planificación coidadosa da innovación. A intervención do profesor Jordi Adell evidenciou ese carácter disrutivo provocado tanto polas posibilidades da concepción dixital de código aberto (copiabilidade, transferencia, interactividade, multimodalidade….) como polas inherentes á propia rede (colaboración, serendipia, simultaneidade….). Adell foi demoledor, ademais dun chisco teatral, no diagnóstico sobre o futuro que lle agarda ao «moi poderoso sector editorial educativo» ao que considera o grande perdedor desta mudanza disrutiva na que o profesorado, iso si, se conta con vontade, será o creador e prosumidor colaborativo dos contidos dixitais que utiliza na aula. Porén, fronte ao entusiasmo da magnífica conferencia de Adell, na mesa redonda sobre o proxecto Abalar, na que intervín en representación da Asociación Galega de Editores, se evidenciou que a tecnoloxía por si mesma non supón innovación e mellora da calidade educativa nin ruptura de modelos educativos pasivos nin sequera asegura unha convincente alfabetización de carácter hipertextual. Neste proceso de tránsito entre os paradigmas analóxico e dixital, non é doado valorar de forma serena e obxectiva as tendencias que se van consolidando sobre o futuro do libro de texto dixital. Hoxe as posibilidades colaborativas que para o profesorado máis innovador e inquedo introducen os libros de texto open source ou os que utilizan licenzas libres compiten no mercado educativo estadounidense coa estratexia de Apple de vender millóns dos seus ipads aos escolares ou a dalgunhas operadoras de televisión, como Discovery, por entrar neste mercado. Un debate interesantísimo, onde os editores educativos debemos participar sen prexuízos ningúns. Neste eido todo está en mudanza e aberto.