Onte 176: Xesús Couceiro

2 Marzo, 2012 (07:54) | Editores, Librarías, Onte, Premios

Na reunión da Xunta Directiva da Asociación Galega de Editores acordamos por unanimidade outorgar o Premio Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural do ano 2012 ao libreiro e editor Xesús Couceiro. Este galardón co que os editores pretendemos cada ano recoñecer o labor realizado por unha persoa a prol da cultura do libro serálle entregado en Compostela o vindeiro venres, 9 de marzo, no transcurso d’ A Noite da Edición na que tamén daremos a coñecer os premios que outorga o sector editorial ás mellores obras de 2011. Nacido na parroquia de Albixoi do concello de Mesía, Suso Couceiro pasou de traballar como xerente dunha empresa de electrodomésticos a fundar en 1969 a súa primeira libraría na compostelá rúa de San Pedro. Dende entón, ao longo de catro intensas décadas, Couceiro desenvolveu de forma modélica e teimosa o seu noble oficio nas librarías de Xeneral Pardiñas, o Hórreo e agora no edificio recuperado da praza de Cervantes que xa xestionan os seus fillos Pablo e María. Fundador e primeiro presidente da Federación de Libreiros de Galicia (1977), co-fundador de Edicións Laiovento (1991), ven de poñer en valor Edicións do Cerne, selo creado por Luís Mariño, dedicándoo á edición de facsímiles de primeiras edicións de autores galegos libres de dereitos de autor. Sexa como libreiro, como bibliófilo, como editor, Xesús Couceiro dedicou a súa vida enteira á promoción do libro galego e á cultura da libraría como espazo cultural. Un recoñecemento merecidísimo.